“Se un monstro decidise dar unha volta entre nós, qué sucedería? Una resposta posible é Criaturas”
Camilo Franco Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, p. 119.
Criaturas convertiuse, desde a súa estrea no ano 1999, nunha das obras máis premiadas de RVB : Premio Eixo Atlántico no 1999, premio ao mellor texto orixinal nos María Casares e premio Max ao mellor teatro orixinal en galego. A criatura, o monstro, sérvelle ao autor para revisitar o que se considera “normalidade”- a que reside nos arquetipos- e darlle a volta, usando o humor e o sarcasmo como bisturí. Producida por Teatro do Aquí, a compañía do propio autor, estreouse no ano 1999 baixo a dirección de Roberto Vidal Bolaño e protagonizada por el mesmo e Rubén Ruibal, Vicente de Souza, Belén Constenla e Miguel Varela. Para a nova representación que volve neste mes de abril aos escenarios, vólvese reunir a compañía Teatro do Aquí, fundada por RVB no ano 1993 e mesmo con parte do elenco orixinal. Salientamos algunhas das palabras do Manifesto que o propio grupo elaborou e define á perfección o sentido do teatro que tiña o autor e o director:
“Nalgún recuncho ignorado do noso presente, ten que haber un teatro de hoxe e do aquí posible. Un teatro con fe abondo en si mesmo e na sociedade na que nace e á que serve, como para ser quen de saír o encontro de poéticas propias, capaces de traducir en términos de universalidade o particular, e de reafirma-las capacidades potenciais da nosa cultura e dos nosos creadores para se incorporar por méritos propios á dramaturxia e ao teatro universal”
Teatro do Aquí, 1993 ( Recollido en Roberto Pascual Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, p. 41)
Na BUSC temos a edición orixinal da obra, publicada no 2000 por Teatro do Noroeste e co patrocinio, segundo di nos preliminares, da Cámara Municipal de Viana do Castelo e da Associaçao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, así como tamén a incluída nas Obras completas.
Pingback: BailadELAS, mulleres bolañesas | Letras Galegas 2013