BailadELAS, mulleres bolañesas

laura ponte bailadelas

Cartel de BailadELAS

BailadELAS mulleres bolañesas, é un espectáculo construído arredor de cinco textos de RVB:  Laudamuco, señor de ningures (Premio Abrente 1976), Bailadela da morte ditosa (Premio Abrente 1980), Saxo tenor (Premio Álvaro Cunqueiro 1991), Rastros e Criaturas (Premio Eixo Atlántico 2000, Premio Max 2001).   Segundo as palabras de Roi Vidal, fillo do dramaturgo e adaptador  de BailadELAS , expresou na roda de prensa de presentación da obra é un xeito de “menú degustación” da obra de RVB enfocado nas “liñas mestras que caracterizan as súas personaxes femininas”.  Coproducida por AGADIC, a Xunta de Galicia e o CDG, dirixida por Xavier Estévez e protagonizada por Laura Ponte,  ven de estrearse no Auditorio de Rianxo e comeza unha xira galega que recalará en Compostela nos días 18 e 19 de maio. Deixamos unha interesante conversa publicada no xornal Plaza.com e co xornalista Alberto Ramos,  entre actriz, adaptador e director desta BailadELAS.

Sobre Teatro Antroido, pódese consultar o dossier da compañía na rede, no que se fala da orixe da mesma en 1978, fundada por Roberto Vidal Bolaño e Xaquín García Marcos, aos que se uniría a actriz Laura Ponte, conformando un piar fundamental do teatro galego contemporáneo. Segundo din no seu dossier:

Teatro Antroido ocupa un lugar destacado no teatro galego grazas a unha estética particular e renovadora baseada na utilización teatral de diferentes tradicións e xéneros artísticos, e realiza espectáculos de diversos formatos e públicos, tocando todos os paus da arte teatral, como o teatro de actores, o teatro infantil,o teatro de obxectos e o teatro de rúa.

                     Do Dossier na rede coa historia da compañía

Precisamente un 16 de maio de 1978 estreábase unha das obras que forman parte de BailadELAS e que temos representada no catálogo da BUSC: Laudamuco, señor de ningures, da que amosamos tamén unha fotografía da representación co propio Roberto Vidal Bolaño.

laudamuco1 300ppp_15x-- copia

Laudamuco, señor de ningures

Neste mesmo blog xa fixemos referencia a dúas das obras que se inclúen tamén nesta adaptación, coma son Saxo Tenor e Criaturas. Tócanos, entón, amosar as edicións que temos de Bailadela da morte ditosa, Rastros e a xa mentada Laudamuco.

bailadelas

Fondos na BUSC de Bailadela, Laudamuco e Rastros

“Criaturas”, catorce anos despois.

“Se un monstro decidise dar unha volta entre nós, qué sucedería? Una resposta posible é Criaturas”

                                 Camilo Franco  Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, p.  119.

proba nova

Roberto Vidal Bolaño e Rubén Ruibal na representación de “Criaturas”.

Criaturas convertiuse, desde a súa estrea no ano 1999, nunha das obras máis premiadas de RVB : Premio Eixo Atlántico no 1999, premio ao mellor texto orixinal nos María Casares  e premio Max ao mellor teatro orixinal en galego. A criatura, o monstro, sérvelle ao autor para revisitar o que se considera “normalidade”- a que reside nos arquetipos- e darlle a volta, usando o humor e o sarcasmo como bisturí. Producida por Teatro do Aquí, a compañía do propio autor, estreouse no ano 1999 baixo a dirección de Roberto Vidal Bolaño e protagonizada por el mesmo e Rubén Ruibal, Vicente de Souza, Belén Constenla e Miguel Varela. Para a nova representación que volve neste mes de abril aos escenarios, vólvese reunir a compañía Teatro do Aquí, fundada por RVB no ano 1993 e mesmo con parte do elenco orixinal.  Salientamos algunhas das palabras do Manifesto que o propio grupo elaborou e define á perfección o sentido do teatro que tiña o autor e o director:

“Nalgún recuncho ignorado do noso presente, ten que haber un teatro de hoxe e do aquí posible. Un teatro con fe abondo en si mesmo e na sociedade na que nace e á que serve, como para ser quen de saír o encontro de poéticas propias, capaces de traducir en términos de universalidade o particular, e de reafirma-las capacidades potenciais da nosa cultura e dos nosos creadores para se incorporar por méritos propios á dramaturxia e ao teatro universal”

                                                                          Teatro do Aquí, 1993 ( Recollido en Roberto Pascual  Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, p. 41)

Na BUSC temos a edición orixinal da obra, publicada no 2000 por Teatro do Noroeste e co patrocinio, segundo di nos preliminares, da Cámara Municipal de Viana do Castelo e da Associaçao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, así como tamén a incluída nas Obras completas.

DSC_0009

Cuberta da edición de “Criaturas” publicada no ano 2000