“Animaliños” ou a natureza en pequena escala

O vindeiro día 5 de maio  a compañía de teatro da USC-Lugo pondrá en escena a montaxe Animaliños, segundo nos informan no seu blog  a propia Aula de Teatro da USC, no contexto da Mostra de Teatro Universitario de Galicia.

xiv-mostra-de-teatro-universitario-de-galicia

Cartel da Mostra de Teatro Universitario de Galicia

Unha praga de caracois que chega a unha urbanización das aforas dunha cidade da pé a falar da nosa relación coa natureza, de amosar a ironía e o espazo da risa, así como poñer en entredito certas convencións tanto teatrais coma ideolóxicas que residen neste texto do que hoxe falamos. Tamén, e coma afirma Laura Tato:

Técnicamente, Animaliños representa un paso máis na evolución na dramaturxia de Roberto Vidal Bolaño, pois aos recursos parateatrais presentes ao longo da súa traxectoria dramática, semella que quixo engadir recursos, non só do cinema, senón tamén da banda deseñada.

Laura Tato Fontaíña Roberto Vidal Bolaño, unha vida para o teatrop.72

animalinhos

Cartel de “Animaliños” de RVB, adaptación libre de Paloma Lugilde e que se leva a escena no contexto do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC

Pero, por riba de todo, interésanos especialmente o que di a investigadora sobre a edición de Animaliños da que imos facer referencia hoxe.  Refírese á necesidade de ter textos teatrais ben editados e laiase de que, naquel momento- no ano 2003 é cando se escribe esa crónica- non existiran aínda unhas obras completas das que hoxe, por fortuna, xa gozamos e que se poden atopar nos fondos da BUSC.  Volvendo de novo a esta edición, reproducimos as palabras da autora:

Esta edición de Animaliños publicada por Follas Novas é, sen dúbida, unha pequena xoia que non debe pasar desapercebida e pola que cómpre seguir animando aos editores a non deixar de explorar os camiños da edición teatral, mesmo a eririxirse en referentes desde o ámbito da edición. Interesan especialmente os estudios introductorios de Alonso Girgado, Teresa Monteagudo e Manuel Quintáns. Estas introduccións explican a obra de Roberto Vidal Bolaño desde un punto de vista contextual,  cinematográfico e dramatúrxico, respectivamente, dando luz sobre cuestións e percepcións que abren vieiros para novas interpretacións da obra do autor

                   Inma López Silva (2003) Pequenos bechos, grandes obras 

E unha pequena lembranza daquelas primeiras representacións da obra, co elenco de Teatro do Aquí

animaliños

Mónica Camaño, Rubén Ruibal e Avelino González “Animaliños”

 
 
 
 

“Criaturas”, catorce anos despois.

“Se un monstro decidise dar unha volta entre nós, qué sucedería? Una resposta posible é Criaturas”

                                 Camilo Franco  Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, p.  119.

proba nova

Roberto Vidal Bolaño e Rubén Ruibal na representación de “Criaturas”.

Criaturas convertiuse, desde a súa estrea no ano 1999, nunha das obras máis premiadas de RVB : Premio Eixo Atlántico no 1999, premio ao mellor texto orixinal nos María Casares  e premio Max ao mellor teatro orixinal en galego. A criatura, o monstro, sérvelle ao autor para revisitar o que se considera “normalidade”- a que reside nos arquetipos- e darlle a volta, usando o humor e o sarcasmo como bisturí. Producida por Teatro do Aquí, a compañía do propio autor, estreouse no ano 1999 baixo a dirección de Roberto Vidal Bolaño e protagonizada por el mesmo e Rubén Ruibal, Vicente de Souza, Belén Constenla e Miguel Varela. Para a nova representación que volve neste mes de abril aos escenarios, vólvese reunir a compañía Teatro do Aquí, fundada por RVB no ano 1993 e mesmo con parte do elenco orixinal.  Salientamos algunhas das palabras do Manifesto que o propio grupo elaborou e define á perfección o sentido do teatro que tiña o autor e o director:

“Nalgún recuncho ignorado do noso presente, ten que haber un teatro de hoxe e do aquí posible. Un teatro con fe abondo en si mesmo e na sociedade na que nace e á que serve, como para ser quen de saír o encontro de poéticas propias, capaces de traducir en términos de universalidade o particular, e de reafirma-las capacidades potenciais da nosa cultura e dos nosos creadores para se incorporar por méritos propios á dramaturxia e ao teatro universal”

                                                                          Teatro do Aquí, 1993 ( Recollido en Roberto Pascual  Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, p. 41)

Na BUSC temos a edición orixinal da obra, publicada no 2000 por Teatro do Noroeste e co patrocinio, segundo di nos preliminares, da Cámara Municipal de Viana do Castelo e da Associaçao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, así como tamén a incluída nas Obras completas.

DSC_0009

Cuberta da edición de “Criaturas” publicada no ano 2000