Aniversario

caprice-tinovizPEKENA copia 1

Roberto Vidal Bolaño en Caprice de Dieux. Fotografía de Tino Viz.

“Son un pallaso ocasional e tristón. Cativo de máis para facer rir a ninguén. E menos a ti que tés unha sona de seriote. De feito e anque che custe crelo, dáseme mellor facer chorar que facer rir (…)  O do nariz é outra cousa. Unha manía que me ven de vello e que non sei moi ben a onde leva. A primeira vez que me dou por aí foi para intentar acalar os choros dunha miña irmá de dous anos. Aquel foi o meu primeiro fracaso como comediante. Conseguía que deixase de chorar mentres lle facía monadas  (…) Eu entón debía ter tan só dez ou once anos, así que como é natural acabamos chorando os dous. Ás veces mesmo eu máis do do cá ela. Foi así como aprendín que entre o que un quer conseguir co que fai e o que consigue realmente, pode mediar un mundo. Máis adiante faríao … eu que sei…. por chulería, para facerme notar e chamar a atención…. (…) A min, xa ves, sen ter ido a cursiño ningún, de vez en cando, dáseme por isto de facer o pallaso”

            Fragmentos de  Sen ir máis lonxe  de RVB, reproducidos en :  A trabe de ouro,  n. 50 (abr-maio-xuño 2002), p. 229-235

Hoxe, 31 de xullo do 2013, Roberto Vidal Bolaño tería cumprido 63 anos.

“As actas escuras”

pico actas escuras

X. Manuel Olveira, “Pico”, no papel de Don Mauro nas “Actas escuras”. Fotografía tomada do dossier do CDG

No ano 1992,  As actas escuras gaña o Premio Xacobeo de Textos Teatrais, convocado pola Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago.  A convocatoria do premio incluía a publicación do texto e, tamén, a montaxe do espectáculo.  Ningunha das dúas cousas tivo lugar no seu momento: a obra foi publicada por primeira vez nunha colección auspiciada pola  ASPG e  A Nosa Terra e a representación tivo lugar, a estrea mellor dito, dezaseis anos despois.  Esta primeira representación,  nunha montaxe dirixida por Xulio Lago para o Centro Dramático Galego, tivo lugar, polo tanto, no ano 2010.

Pretendemos ser fieis ao pensamento do autor e incorporar rigorosamente do mellor xeito que soubemos un texto que cuestiona rotundamente a ocultación da verdade, ese uso que preside, parece que impunemente, moitos dos acontecementos da historia nosa de cada día.

                                                                                                                                                                                               Xulio Lago, na presentación da obra no CDG.

O crego  don Mauro e o seu sobriño Casiano inician unha investigación, convidados polo cardenal Payá, sobre os presuntos restos do Apóstolo aparecidos na catedral compostelana. Este é o punto de partida da obra de RVB na que o poder da Igrexa, os  enganos e ambicións,  a ocultacións da verdade e manipulacións dos feitos e  a liberdade de pensamento, conforman os puntos básicos da obra, no esceario da Compostela de finais do século XIX.

Nese contrapunto de discursos desaqueloutrados, amputados e xustapostos transcorre a trama da obra que dá conta dos avances técnicos e ideolóxicos, pero tamén das contradicións do século XIX en España, un século que se caracterizou pola aparición das primeiras constitucións modernas no noso país

                                                                                   Ánxela Gracián, no caderno pedagóxico sobre a obra editado polo CDG

Na BUSC contamos coas seguintes edicións:

DSC_0086

– A editada pola Concellería de Cultura de Santiago e a editorial A Nosa Terra no ano 2005.

-O volume coeditado entre a Asociación Sociopedagóxica Galega e a editorial A Nosa Terra que recolle, ademáis, O circo da medianoite de Manuel Lourenzo e Maremia de Euloxio R. Ruibal.

-A edición en castelán,  con tradución de Rebeca Quintáns, a cargo da editorial Hiru, no ano 2003.

-A incluída nas Obras Completas