Aniversario

caprice-tinovizPEKENA copia 1

Roberto Vidal Bolaño en Caprice de Dieux. Fotografía de Tino Viz.

“Son un pallaso ocasional e tristón. Cativo de máis para facer rir a ninguén. E menos a ti que tés unha sona de seriote. De feito e anque che custe crelo, dáseme mellor facer chorar que facer rir (…)  O do nariz é outra cousa. Unha manía que me ven de vello e que non sei moi ben a onde leva. A primeira vez que me dou por aí foi para intentar acalar os choros dunha miña irmá de dous anos. Aquel foi o meu primeiro fracaso como comediante. Conseguía que deixase de chorar mentres lle facía monadas  (…) Eu entón debía ter tan só dez ou once anos, así que como é natural acabamos chorando os dous. Ás veces mesmo eu máis do do cá ela. Foi así como aprendín que entre o que un quer conseguir co que fai e o que consigue realmente, pode mediar un mundo. Máis adiante faríao … eu que sei…. por chulería, para facerme notar e chamar a atención…. (…) A min, xa ves, sen ter ido a cursiño ningún, de vez en cando, dáseme por isto de facer o pallaso”

            Fragmentos de  Sen ir máis lonxe  de RVB, reproducidos en :  A trabe de ouro,  n. 50 (abr-maio-xuño 2002), p. 229-235

Hoxe, 31 de xullo do 2013, Roberto Vidal Bolaño tería cumprido 63 anos.

“As actas escuras”

pico actas escuras

X. Manuel Olveira, “Pico”, no papel de Don Mauro nas “Actas escuras”. Fotografía tomada do dossier do CDG

No ano 1992,  As actas escuras gaña o Premio Xacobeo de Textos Teatrais, convocado pola Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago.  A convocatoria do premio incluía a publicación do texto e, tamén, a montaxe do espectáculo.  Ningunha das dúas cousas tivo lugar no seu momento: a obra foi publicada por primeira vez nunha colección auspiciada pola  ASPG e  A Nosa Terra e a representación tivo lugar, a estrea mellor dito, dezaseis anos despois.  Esta primeira representación,  nunha montaxe dirixida por Xulio Lago para o Centro Dramático Galego, tivo lugar, polo tanto, no ano 2010.

Pretendemos ser fieis ao pensamento do autor e incorporar rigorosamente do mellor xeito que soubemos un texto que cuestiona rotundamente a ocultación da verdade, ese uso que preside, parece que impunemente, moitos dos acontecementos da historia nosa de cada día.

                                                                                                                                                                                               Xulio Lago, na presentación da obra no CDG.

O crego  don Mauro e o seu sobriño Casiano inician unha investigación, convidados polo cardenal Payá, sobre os presuntos restos do Apóstolo aparecidos na catedral compostelana. Este é o punto de partida da obra de RVB na que o poder da Igrexa, os  enganos e ambicións,  a ocultacións da verdade e manipulacións dos feitos e  a liberdade de pensamento, conforman os puntos básicos da obra, no esceario da Compostela de finais do século XIX.

Nese contrapunto de discursos desaqueloutrados, amputados e xustapostos transcorre a trama da obra que dá conta dos avances técnicos e ideolóxicos, pero tamén das contradicións do século XIX en España, un século que se caracterizou pola aparición das primeiras constitucións modernas no noso país

                                                                                   Ánxela Gracián, no caderno pedagóxico sobre a obra editado polo CDG

Na BUSC contamos coas seguintes edicións:

DSC_0086

– A editada pola Concellería de Cultura de Santiago e a editorial A Nosa Terra no ano 2005.

-O volume coeditado entre a Asociación Sociopedagóxica Galega e a editorial A Nosa Terra que recolle, ademáis, O circo da medianoite de Manuel Lourenzo e Maremia de Euloxio R. Ruibal.

-A edición en castelán,  con tradución de Rebeca Quintáns, a cargo da editorial Hiru, no ano 2003.

-A incluída nas Obras Completas

De “Doentes” e das fábulas traxicómicas

DSC_0047

Doentes, a peza de RVB cun trasfondo de posguerra oscuro e neboento, gaña o premio Rafael Dieste no ano 1998.  O punto de partida da obra é a conversión dun hospital de caridade, case un dispensario, nun complexo hoteleiro de luxo. Partindo dun feito histórico recoñecible, do  que o resultado sería o actual Hostal dos Reis Católicos na Praza do Obradoiro, RVB paséanos, cunha tamén palpable débeda con Valle Inclán, por un esceario truculento, unha cidade sumida no medo e na violencia, percorrida por dous desheredados dun mundo que non foi construído a súa imaxe e semellanza.  En palabras de  Montse Ribao

No labirinto de Doentes vagan personaxes que son presentados ante o receptor coma entes incorpóreos nalgúns casos e coma seres observados dende unha óptica animalizante outros. (…) Un bo número dos corenta e dous personaxes que se mencionan no dramatis personae comparte outros tres parámetros caracterizadores da súa condición vital : a enfermidade física ou ética, a mentira na que viven e a morte que os circunda. Os enfermos, constantes na dramaturxia de Vidal Bolaño, son tamén os protagonistas da noite compostelá na que de desenrolan os feitos.

Montserrat Ribao Pereira, “De brétemas e sombras no labirinto dos Doentes”p. 270.

Este texto versátil tivo tamén unha versión cinematográfica, dirixida por Gustavo Balza e con guión de Roberto G. Méndez. En palabras de Antón Reixa, productor da película, subliña a “versatilidade do teatro como material para o cinema”, por unha banda, e, por outra, “a percepción de Vidal Bolaño como escritor nacional :

Doentes non é outra cousa que a descarnada fábula tráxico-cómica da historia de Galicia.  (…) a historia nacional como unha avaría permantente, só resistible pola preeminencia dos sentimentos e valores humanos de soliedariedade, por encima do ruín contexto político, cultural e económico.

Antón Reixa , “Doentes: Galicia como fábula en Roberto Vidal Bolaño”

 Na BUSC temos os seguintes exemplares da obra:

-A editada no 2013 por Positivas, o Consorcio de Santiago e a Xunta de Galicia

-A publicada pola Deputación da Coruña no 1996

Mecos, meigas, antroido… teatro para nenos de RVB

1995_Touporroutou_cartel-340x971

Cartel das representacións de 1995 de “Touporroutou da lúa e do sol”

Lemos un artigo de Noemí  Pazó que comeza preguntándose se, realmente, existe o xénero do teatro infantil, no noso contexto e en xeral.  Con respecto á obra de Roberto Vidal Bolaño e o teatro para nenos na súa traxectoria, sinala

A obra infantil de Roberto Vidal Bolaño abarca en total seis anos: de 1977, ano  no que se publican  as súas primeiras obras (Laudamuco, Señor de Ningures, e Ladaíñas pola morte do Meco) e a peza Xaxara, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón ou como trocar en rato pequecho o meirande xigantón recibe unha mención honorífica no III Concurso de Teatro Infantil O Facho, a 1982, cando se estrea Touporroutou da lúa e do sol,  publicada catorce anos despois.

Noemí Pazó “Da Xaxara ao Touporroutou. O teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño” en Roberto Vidal Bolaño escritor escénico, editado por Carmen Becerra e Teresa Vilariño Picos, p. 19

Algunhas destas obras concíbense como teatro para títeres, e coma di a autora do estudo, conforman unha unidade :  o antroido como trasfondo principal, meigas e mecos, dialogando sempre coa tradición popular. Tamén para Noemí Pazó, así  coma para Inma López Silva,  cobran   importancia temas coma a morte e o metateatro.

Neste ano 2013, o Consello da Cultura Galega fai unha edición non venal da Ruada das papas e o unto  que se pode descargar aquí . A obra vai precedida dun “Aviso para nenos lectores”

No entender de quen esto escribe, o teatro so é tal cando é un feito compartido. Actores e xente xuntos. E a color, as imaxes, e a palabra e o bruído. Todos arredor dun  mesmo anaco de vida. Dunha vida nova, diferente, tan certa coma a que máis, pero creada ex profeso para que non nos pida a outra a que nos dan cada día, que se non sempre vén porca, tampouco ven limpa a cotío.  Así que, se algún día vos cadra de ver a un demo brincando na rúa, non deixedes de seguilo. Pode ser o desta historia.

Ademáis de autor de teatro para nenos, tamén amosou unha vertiente pedagóxica na explicación do feito teatral.  No ano 93 publícase O espacio teatral, unha viaxe a través do círculo,  unidade didáctica publicada polo Concello de Santiago. Ilustrada por Fausto Isorna  e con texto de RVB, explícase, dun xeito sinxelo, o significado e evolución histórica dos espazos teatrais, da propia representación e aludindo, mesmo, a culturas afastadas da nosa coma o kabuki xaponés e os teatros hindúes e chineses.

Amosamos aquí as obras que temos no catálogo da BUSC

touporr

Teatro infantil de RVB na BUSC

Na  páxina web da  Asociación Roberto Vidal Bolaño, na sección de teatro infantil, atopamos toda a información relativa as distintas montaxes:  representacións, elencos, carteis… . Gustounos ver o nome da nosa  lembrada compañeira Rosa Bassave coma colaboradora daquelas primeiras representacións.

As Rosalías de RVB

Case xa no Día das Letras Galegas, aniversario  da publicación de Cantares Gallegos, imos falar da obra que  Roberto Vidal Bolaño adicou á figura de Rosalía de Castro.

Agasallo de sombras estreouse no ano 1984 coma unha das principais apostas do recén creado Centro Dramático Galego.  Escrita e dirixida por RVB, a Rosalía que conforma a pluma do dramaturgo supón unha visión desmitificadora en certo sentido. Para Nuría  Araúxo García  nesta obra Roberto Vidal Bolaño dános a súa visión particular non só do personaxe histórico, tamén “da muller que protagonizou o Rexurdimento literario galego”.  Unha Rosalía afastada da imaxe estereotipada, moito máis acorde cunha muller adiantada ao seu tempo, unha Rosalía, porén, que “resucita” e crea Vidal Bolaño:

 A loita contra a dispersión e a “melancolía de ter nacido” (Virginia Woolf) son o soporte desta resurrección de Rosalía. Descubrir unha personalidade fracturada, suxerir a complexidade e mostrar un deserto no que non existen os heroes por máis que os problemas se empeñen en sementalos, é a tolemia que convertiu en linguaxe teatral Roberto Vidal Bolaño

Unha travesía das apariencias para Rosalía de Castro, texto de Luís Cochón no programa de man da obra.

Dúas son as edicións que temos desta obra na BUSC , a editada polo  “El Correo Gallego” e a que se inclúe nas Obras completas.  Tamén contamos  co programa de man que se entregou na estrea da obra e que xa citamos.

agasallos

Edición de “El Correo Gallego” e programa de man da estrea de “Agasallo de sombras” editado polo CDG.

Pero non foi Agasallo a única aproximación que fixo RVB á figura de Rosalía.

No ano 2001  dirixe , tamén para o CDG, unha versión “libre e non moi respectuosa”, da Rosalía de Ramón Otero Pedrayo, autor cuxo universo foi sempre parte das influencias do dramaturgo homenaxeado nas Letras Galegas deste 2013.  Segundo di o propio RVB, falando desta adaptación :

Ó longo da miña traxectoria como autor ou como director teatral, tiven sempre o teatro de don Ramón Otero Pedrayo como referente exemplar. E a el acudín máis dunha vez para lle ripar ideas, atopar respostas,ou ensoñar espectáculos teatrais imposibles, ou cando menos improbables. Pero ese enfeitizo polo seu mundo e pola súa poética teatral, agromou en min dende apreciacións que hoxe sei erradas e das que só a experiencia concreta da posta en esceana dunha das súas pezas, O desengano do prioiro, conseguiu librarme”.

            Roberto Vidal Bolaño   “Teatro con T maiúsculo (arredor do teatro de don Ramón Otero Pedrayo)”

Amosamos,  neste fío trazado hoxe, os exemplares  no catálogo da BUSC destas obras: por unha banda a Rosalía orixinal de Otero Pedrayo. Por outra, a adaptación realizada por Roberto Vidal Bolaño, editada polo IGAEM co motivo da estrea polo CDG.

DSC_0025

BailadELAS, mulleres bolañesas

laura ponte bailadelas

Cartel de BailadELAS

BailadELAS mulleres bolañesas, é un espectáculo construído arredor de cinco textos de RVB:  Laudamuco, señor de ningures (Premio Abrente 1976), Bailadela da morte ditosa (Premio Abrente 1980), Saxo tenor (Premio Álvaro Cunqueiro 1991), Rastros e Criaturas (Premio Eixo Atlántico 2000, Premio Max 2001).   Segundo as palabras de Roi Vidal, fillo do dramaturgo e adaptador  de BailadELAS , expresou na roda de prensa de presentación da obra é un xeito de “menú degustación” da obra de RVB enfocado nas “liñas mestras que caracterizan as súas personaxes femininas”.  Coproducida por AGADIC, a Xunta de Galicia e o CDG, dirixida por Xavier Estévez e protagonizada por Laura Ponte,  ven de estrearse no Auditorio de Rianxo e comeza unha xira galega que recalará en Compostela nos días 18 e 19 de maio. Deixamos unha interesante conversa publicada no xornal Plaza.com e co xornalista Alberto Ramos,  entre actriz, adaptador e director desta BailadELAS.

Sobre Teatro Antroido, pódese consultar o dossier da compañía na rede, no que se fala da orixe da mesma en 1978, fundada por Roberto Vidal Bolaño e Xaquín García Marcos, aos que se uniría a actriz Laura Ponte, conformando un piar fundamental do teatro galego contemporáneo. Segundo din no seu dossier:

Teatro Antroido ocupa un lugar destacado no teatro galego grazas a unha estética particular e renovadora baseada na utilización teatral de diferentes tradicións e xéneros artísticos, e realiza espectáculos de diversos formatos e públicos, tocando todos os paus da arte teatral, como o teatro de actores, o teatro infantil,o teatro de obxectos e o teatro de rúa.

                     Do Dossier na rede coa historia da compañía

Precisamente un 16 de maio de 1978 estreábase unha das obras que forman parte de BailadELAS e que temos representada no catálogo da BUSC: Laudamuco, señor de ningures, da que amosamos tamén unha fotografía da representación co propio Roberto Vidal Bolaño.

laudamuco1 300ppp_15x-- copia

Laudamuco, señor de ningures

Neste mesmo blog xa fixemos referencia a dúas das obras que se inclúen tamén nesta adaptación, coma son Saxo Tenor e Criaturas. Tócanos, entón, amosar as edicións que temos de Bailadela da morte ditosa, Rastros e a xa mentada Laudamuco.

bailadelas

Fondos na BUSC de Bailadela, Laudamuco e Rastros