Mecos, meigas, antroido… teatro para nenos de RVB

1995_Touporroutou_cartel-340x971

Cartel das representacións de 1995 de “Touporroutou da lúa e do sol”

Lemos un artigo de Noemí  Pazó que comeza preguntándose se, realmente, existe o xénero do teatro infantil, no noso contexto e en xeral.  Con respecto á obra de Roberto Vidal Bolaño e o teatro para nenos na súa traxectoria, sinala

A obra infantil de Roberto Vidal Bolaño abarca en total seis anos: de 1977, ano  no que se publican  as súas primeiras obras (Laudamuco, Señor de Ningures, e Ladaíñas pola morte do Meco) e a peza Xaxara, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón ou como trocar en rato pequecho o meirande xigantón recibe unha mención honorífica no III Concurso de Teatro Infantil O Facho, a 1982, cando se estrea Touporroutou da lúa e do sol,  publicada catorce anos despois.

Noemí Pazó “Da Xaxara ao Touporroutou. O teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño” en Roberto Vidal Bolaño escritor escénico, editado por Carmen Becerra e Teresa Vilariño Picos, p. 19

Algunhas destas obras concíbense como teatro para títeres, e coma di a autora do estudo, conforman unha unidade :  o antroido como trasfondo principal, meigas e mecos, dialogando sempre coa tradición popular. Tamén para Noemí Pazó, así  coma para Inma López Silva,  cobran   importancia temas coma a morte e o metateatro.

Neste ano 2013, o Consello da Cultura Galega fai unha edición non venal da Ruada das papas e o unto  que se pode descargar aquí . A obra vai precedida dun “Aviso para nenos lectores”

No entender de quen esto escribe, o teatro so é tal cando é un feito compartido. Actores e xente xuntos. E a color, as imaxes, e a palabra e o bruído. Todos arredor dun  mesmo anaco de vida. Dunha vida nova, diferente, tan certa coma a que máis, pero creada ex profeso para que non nos pida a outra a que nos dan cada día, que se non sempre vén porca, tampouco ven limpa a cotío.  Así que, se algún día vos cadra de ver a un demo brincando na rúa, non deixedes de seguilo. Pode ser o desta historia.

Ademáis de autor de teatro para nenos, tamén amosou unha vertiente pedagóxica na explicación do feito teatral.  No ano 93 publícase O espacio teatral, unha viaxe a través do círculo,  unidade didáctica publicada polo Concello de Santiago. Ilustrada por Fausto Isorna  e con texto de RVB, explícase, dun xeito sinxelo, o significado e evolución histórica dos espazos teatrais, da propia representación e aludindo, mesmo, a culturas afastadas da nosa coma o kabuki xaponés e os teatros hindúes e chineses.

Amosamos aquí as obras que temos no catálogo da BUSC

touporr

Teatro infantil de RVB na BUSC

Na  páxina web da  Asociación Roberto Vidal Bolaño, na sección de teatro infantil, atopamos toda a información relativa as distintas montaxes:  representacións, elencos, carteis… . Gustounos ver o nome da nosa  lembrada compañeira Rosa Bassave coma colaboradora daquelas primeiras representacións.