“As actas escuras”

pico actas escuras

X. Manuel Olveira, “Pico”, no papel de Don Mauro nas “Actas escuras”. Fotografía tomada do dossier do CDG

No ano 1992,  As actas escuras gaña o Premio Xacobeo de Textos Teatrais, convocado pola Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago.  A convocatoria do premio incluía a publicación do texto e, tamén, a montaxe do espectáculo.  Ningunha das dúas cousas tivo lugar no seu momento: a obra foi publicada por primeira vez nunha colección auspiciada pola  ASPG e  A Nosa Terra e a representación tivo lugar, a estrea mellor dito, dezaseis anos despois.  Esta primeira representación,  nunha montaxe dirixida por Xulio Lago para o Centro Dramático Galego, tivo lugar, polo tanto, no ano 2010.

Pretendemos ser fieis ao pensamento do autor e incorporar rigorosamente do mellor xeito que soubemos un texto que cuestiona rotundamente a ocultación da verdade, ese uso que preside, parece que impunemente, moitos dos acontecementos da historia nosa de cada día.

                                                                                                                                                                                               Xulio Lago, na presentación da obra no CDG.

O crego  don Mauro e o seu sobriño Casiano inician unha investigación, convidados polo cardenal Payá, sobre os presuntos restos do Apóstolo aparecidos na catedral compostelana. Este é o punto de partida da obra de RVB na que o poder da Igrexa, os  enganos e ambicións,  a ocultacións da verdade e manipulacións dos feitos e  a liberdade de pensamento, conforman os puntos básicos da obra, no esceario da Compostela de finais do século XIX.

Nese contrapunto de discursos desaqueloutrados, amputados e xustapostos transcorre a trama da obra que dá conta dos avances técnicos e ideolóxicos, pero tamén das contradicións do século XIX en España, un século que se caracterizou pola aparición das primeiras constitucións modernas no noso país

                                                                                   Ánxela Gracián, no caderno pedagóxico sobre a obra editado polo CDG

Na BUSC contamos coas seguintes edicións:

DSC_0086

– A editada pola Concellería de Cultura de Santiago e a editorial A Nosa Terra no ano 2005.

-O volume coeditado entre a Asociación Sociopedagóxica Galega e a editorial A Nosa Terra que recolle, ademáis, O circo da medianoite de Manuel Lourenzo e Maremia de Euloxio R. Ruibal.

-A edición en castelán,  con tradución de Rebeca Quintáns, a cargo da editorial Hiru, no ano 2003.

-A incluída nas Obras Completas

As Rosalías de RVB

Case xa no Día das Letras Galegas, aniversario  da publicación de Cantares Gallegos, imos falar da obra que  Roberto Vidal Bolaño adicou á figura de Rosalía de Castro.

Agasallo de sombras estreouse no ano 1984 coma unha das principais apostas do recén creado Centro Dramático Galego.  Escrita e dirixida por RVB, a Rosalía que conforma a pluma do dramaturgo supón unha visión desmitificadora en certo sentido. Para Nuría  Araúxo García  nesta obra Roberto Vidal Bolaño dános a súa visión particular non só do personaxe histórico, tamén “da muller que protagonizou o Rexurdimento literario galego”.  Unha Rosalía afastada da imaxe estereotipada, moito máis acorde cunha muller adiantada ao seu tempo, unha Rosalía, porén, que “resucita” e crea Vidal Bolaño:

 A loita contra a dispersión e a “melancolía de ter nacido” (Virginia Woolf) son o soporte desta resurrección de Rosalía. Descubrir unha personalidade fracturada, suxerir a complexidade e mostrar un deserto no que non existen os heroes por máis que os problemas se empeñen en sementalos, é a tolemia que convertiu en linguaxe teatral Roberto Vidal Bolaño

Unha travesía das apariencias para Rosalía de Castro, texto de Luís Cochón no programa de man da obra.

Dúas son as edicións que temos desta obra na BUSC , a editada polo  “El Correo Gallego” e a que se inclúe nas Obras completas.  Tamén contamos  co programa de man que se entregou na estrea da obra e que xa citamos.

agasallos

Edición de “El Correo Gallego” e programa de man da estrea de “Agasallo de sombras” editado polo CDG.

Pero non foi Agasallo a única aproximación que fixo RVB á figura de Rosalía.

No ano 2001  dirixe , tamén para o CDG, unha versión “libre e non moi respectuosa”, da Rosalía de Ramón Otero Pedrayo, autor cuxo universo foi sempre parte das influencias do dramaturgo homenaxeado nas Letras Galegas deste 2013.  Segundo di o propio RVB, falando desta adaptación :

Ó longo da miña traxectoria como autor ou como director teatral, tiven sempre o teatro de don Ramón Otero Pedrayo como referente exemplar. E a el acudín máis dunha vez para lle ripar ideas, atopar respostas,ou ensoñar espectáculos teatrais imposibles, ou cando menos improbables. Pero ese enfeitizo polo seu mundo e pola súa poética teatral, agromou en min dende apreciacións que hoxe sei erradas e das que só a experiencia concreta da posta en esceana dunha das súas pezas, O desengano do prioiro, conseguiu librarme”.

            Roberto Vidal Bolaño   “Teatro con T maiúsculo (arredor do teatro de don Ramón Otero Pedrayo)”

Amosamos,  neste fío trazado hoxe, os exemplares  no catálogo da BUSC destas obras: por unha banda a Rosalía orixinal de Otero Pedrayo. Por outra, a adaptación realizada por Roberto Vidal Bolaño, editada polo IGAEM co motivo da estrea polo CDG.

DSC_0025

“Criaturas”, catorce anos despois.

“Se un monstro decidise dar unha volta entre nós, qué sucedería? Una resposta posible é Criaturas”

                                 Camilo Franco  Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, p.  119.

proba nova

Roberto Vidal Bolaño e Rubén Ruibal na representación de “Criaturas”.

Criaturas convertiuse, desde a súa estrea no ano 1999, nunha das obras máis premiadas de RVB : Premio Eixo Atlántico no 1999, premio ao mellor texto orixinal nos María Casares  e premio Max ao mellor teatro orixinal en galego. A criatura, o monstro, sérvelle ao autor para revisitar o que se considera “normalidade”- a que reside nos arquetipos- e darlle a volta, usando o humor e o sarcasmo como bisturí. Producida por Teatro do Aquí, a compañía do propio autor, estreouse no ano 1999 baixo a dirección de Roberto Vidal Bolaño e protagonizada por el mesmo e Rubén Ruibal, Vicente de Souza, Belén Constenla e Miguel Varela. Para a nova representación que volve neste mes de abril aos escenarios, vólvese reunir a compañía Teatro do Aquí, fundada por RVB no ano 1993 e mesmo con parte do elenco orixinal.  Salientamos algunhas das palabras do Manifesto que o propio grupo elaborou e define á perfección o sentido do teatro que tiña o autor e o director:

“Nalgún recuncho ignorado do noso presente, ten que haber un teatro de hoxe e do aquí posible. Un teatro con fe abondo en si mesmo e na sociedade na que nace e á que serve, como para ser quen de saír o encontro de poéticas propias, capaces de traducir en términos de universalidade o particular, e de reafirma-las capacidades potenciais da nosa cultura e dos nosos creadores para se incorporar por méritos propios á dramaturxia e ao teatro universal”

                                                                          Teatro do Aquí, 1993 ( Recollido en Roberto Pascual  Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, p. 41)

Na BUSC temos a edición orixinal da obra, publicada no 2000 por Teatro do Noroeste e co patrocinio, segundo di nos preliminares, da Cámara Municipal de Viana do Castelo e da Associaçao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, así como tamén a incluída nas Obras completas.

DSC_0009

Cuberta da edición de “Criaturas” publicada no ano 2000

“A burla do galo”, de novo nos escenarios

O vindeiro día 10 de abril, a Aula de Teatro da UDC-Teatro Normal, dirixida por Rubén Ruibal, poñerá en escena, dentro do contexto do Festival Internacional de Teatro Universitario A burla do galo, de Roberto Vidal Bolaño. Estreada no ano 2000, nesta obra

” RVB insiste con Álvaro Cunqueiro na galeguización do mito de don Xoán cunha lectura excéntrica que funde trascendencia e transgresión”

Xosé Manuel Fernández Castro A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño  (p. 250).

Na páxina do Centro Dramático Galego, podedes consultar o calendario das representacións e o elenco desta producción.

Na BUSC contamos cunha edición da obra acompañada dunha gravación da representación da mesma, realizadas polo IGAEM e o CDG.

nova foto

Edición e gravación de “A burla do galo” nos fondos da BUSC

Achegamos, coma curiosidade, a entrevista que co gallo do estreo da obra , fai ao autor Pancho Tristán.   Nela  ofértanse  algunhas reflexións que fai o autor sobre o feito dramático, sobre a universalidade do teatro, sobre o traballo do escritor . Destacamos esta resposta, á pregunta de se sentía a súa escrita como feita na periferia:

“No me siento en la periferia, ¿periferia con respecto al centro que es Madrid? No creo que Madrid sea el centro. Estoy en mi centro, que es esta cultura y esta ciudad. Los demás me consideran periférico estúpidamente. Pero a mí me representaron en Brasil, en Portugal, van a hacerlo en Andalucía… Puedo escribir pensando en la realidad próxima, la que me sacude cada día, pero esa realidad no es muy distinta de la de cualquier occidental. Quiero que mi teatro interese en todo el mundo, pero no hago teatro universal. Mi teatro tiene que funcionar aquí, si no no podrá funcionar en ninguna parte.”

Con respecto ao vencello desta obra co mito de Don Juan, pódese consultar o traballo de Carmen Becerra “The Don Juan Myth in Iberian Galician Literature”. CLCWeb: Comparative Literature and Culture 13.5(2011) <http://dx.doi.org/10.7771/1481-4374.1906>