BailadELAS, mulleres bolañesas

laura ponte bailadelas

Cartel de BailadELAS

BailadELAS mulleres bolañesas, é un espectáculo construído arredor de cinco textos de RVB:  Laudamuco, señor de ningures (Premio Abrente 1976), Bailadela da morte ditosa (Premio Abrente 1980), Saxo tenor (Premio Álvaro Cunqueiro 1991), Rastros e Criaturas (Premio Eixo Atlántico 2000, Premio Max 2001).   Segundo as palabras de Roi Vidal, fillo do dramaturgo e adaptador  de BailadELAS , expresou na roda de prensa de presentación da obra é un xeito de “menú degustación” da obra de RVB enfocado nas “liñas mestras que caracterizan as súas personaxes femininas”.  Coproducida por AGADIC, a Xunta de Galicia e o CDG, dirixida por Xavier Estévez e protagonizada por Laura Ponte,  ven de estrearse no Auditorio de Rianxo e comeza unha xira galega que recalará en Compostela nos días 18 e 19 de maio. Deixamos unha interesante conversa publicada no xornal Plaza.com e co xornalista Alberto Ramos,  entre actriz, adaptador e director desta BailadELAS.

Sobre Teatro Antroido, pódese consultar o dossier da compañía na rede, no que se fala da orixe da mesma en 1978, fundada por Roberto Vidal Bolaño e Xaquín García Marcos, aos que se uniría a actriz Laura Ponte, conformando un piar fundamental do teatro galego contemporáneo. Segundo din no seu dossier:

Teatro Antroido ocupa un lugar destacado no teatro galego grazas a unha estética particular e renovadora baseada na utilización teatral de diferentes tradicións e xéneros artísticos, e realiza espectáculos de diversos formatos e públicos, tocando todos os paus da arte teatral, como o teatro de actores, o teatro infantil,o teatro de obxectos e o teatro de rúa.

                     Do Dossier na rede coa historia da compañía

Precisamente un 16 de maio de 1978 estreábase unha das obras que forman parte de BailadELAS e que temos representada no catálogo da BUSC: Laudamuco, señor de ningures, da que amosamos tamén unha fotografía da representación co propio Roberto Vidal Bolaño.

laudamuco1 300ppp_15x-- copia

Laudamuco, señor de ningures

Neste mesmo blog xa fixemos referencia a dúas das obras que se inclúen tamén nesta adaptación, coma son Saxo Tenor e Criaturas. Tócanos, entón, amosar as edicións que temos de Bailadela da morte ditosa, Rastros e a xa mentada Laudamuco.

bailadelas

Fondos na BUSC de Bailadela, Laudamuco e Rastros

“Saxo Tenor”, a marxinalidade irracional

A compañía Cordelia, da aula de teatro universitaria de Ourense, ven de poñer en escena no Miteu o espectáculo Vidal Bolaño 2013, baseado en distintos textos do autor homenaxeado no Día das Letras : Saxo TenorRastrosAnimaliños Anxeliños.   Imos comezar o percorrido pola primeira das obras mentadas,  Saxo Tenor, premio Alvaro Cunqueiro no ano 91.

“Se eu fose puta ou ionqui, mangán ou camello de pub cutre, proxeneta ou parado de longa duración enganchado o Johnnie Walker, pediríalle a Vidal Bolaño un papel en Saxo Tenor; e daríalle as gracias pola dignidade. Se eu fose todo o contrario – ¿existe todo o contrario?- se eu fose todo o contrario debera de dicirlle a RVB tamén que gracias, que que lanse, che, qué bueno que vinistes, que ben que nos contaches en Saxo Tenor que a vida é unha cuestión de fondo, non de formas”.

Pancho Tristán  “Alalá de todos nos” en Crítica e autores, p. 441

saxo tenor2 copia

Persoaxes de “Saxo Tenor”. Fotografía de Xenaro Martínez

Desta “desgracia arrabaldeira improbable entre loucos, chourizos, gansters, chulos, currantes e putas” – segundo reza o subtítulo da obra –  o especialista na obra de RVB  Xosé Manuel Fernández Castro di que se pon en escena:

 “A patoloxía social do suburbio galego contemporáneo. Sitúanos nun ambiente ultramarxinal onde impera unha irracionalidade que fai da frustración un fenómeno de masas, de modo que a alienación é colectiva e as diversas respostas individuais van ter en común unha tendencia autodestrutiva da propia colectividade, coa transgresión de toda clase de pactos de convivencia. En consecuencia, píntase un contorno hostil, insufrible, de roubo, prostitución, incesto, adulterio, prevaricación, chantaxe e asasinato”.

              Xosé Manuel Fernández Castro  A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, p. 255

Segundo Inma López Silva, esta obra de RVB inscribiríase dentro do ciclo do “dirty realism”, a carón do ciclo xacobeo e o ciclo da represión dictatorial , un “cambio na concepción dramática de Vidal Bolaño  que se fai máis realista, na procura de temáticas históricas e de reflexións sobre a condición humana (marxinación, liberdade, morte) en que aproveita solucións cinematograficas e explicita “unha concepción do teatro algo máis brechtiana” (Laura Tato Fontaíña, Roberto Vidal Bolaño: unha vida para o teatro, p. 50  citando, a súa vez, a Inma López Silva en “Roberto Vidal Bolaño na (re) construcción do teatro galego. De Abrente a Mar Revolto”).

Na BUSC temos as seguintes edicións de Saxo Tenor :

saxo tenor libros

Edicións de “Saxo Tenor” na BUSC

-Por unha banda, a editada pola Voz de Galicia na Biblioteca  Galega 120

-Por outra, a publicada por Edicións Xerais de Galicia

– E, por último, cómpre mencionar a  do programa de man editado pola estrea da obra. 

Completan o noso fondo outras dúas edicións: a tradución ao castelán, realizada por Luís Alonso Girgado para a SGAE e tamén a incluída nas Obras completas